Pan de Soutelo - Kalis
Soutelo de Montes (Km. 55.1)
Nótase que era domingo, pois de camiño adiantei os camións das orquestras Panorama e Nebraska. Co café puxeron biscoito caseiro, ben rico, mais como hoxe o periódico traía máis extras, permitinme o luxo de pedir unha napolitana.
De fondo a radio, Kiss FM, e en dúas pantallas repetían programas resesos. De prensa, de novo La Voz de Galicia. No bar vende embutidos, e fan pizzas, empanadas e bocadillos, alén de servir pinchos e tapas. En Soutelo hai varios bares co mesmo nome, e seica é asunto de desavinzas familiares. Eu, por aquilo de non causar celos, poño a pucha ao saír do bar, para poder entrar outro día no establecemento do lado sen problemas.
Case é mellor sentar nunha mesa, porque na barra hai moito rebumbio de louza, moedas e xentes. Varias persoas botando a primitiva, a bonoloto, o euromillón e cousas desas. Eu prefiro ler o horóscopo.