Xa tardaba en falar dun sitio que no nome ten artigo con apóstrofe. A que se debe esta febre? Dá para facer un estudo. Non é un bar de-toda…

Hotel restaurante O'Xardín

O Carballiño (Km. 28.1)

Xa tardaba en falar dun sitio que no nome ten artigo con apóstrofe. A que se debe esta febre? Dá para facer un estudo.

Non é un bar de-toda-a-vida, senón que está no hotel, a carón dunha estación de servizo. Este hotel debe estar ben. En setembro estaban aquí hospedados os do equipo ciclista Cofidis, cando a Vuelta a España pasou pola Ribeira Sacra. Amais o bar debe ter movemento, pois as servilletas e sobres do azucre veñen co nome do sitio impreso. A galleta, segundo reza no envase, é exquisita. Un veciño de barra pediu unha torrada, pero é con pan de molde. Hai tamén cruasáns. Ollo: e teñen sidra de barril, Maeloc. Queda pendente para un día que veña como copiloto.

Na TV poñen un canal sobre viaxes. Debe ser porque a xente que para aquí é trotamundos. Prensa habitual: Marca, La Región e La Voz. Camareira con uniforme de camareira e anos de experiencia.

Unha cousa da que estou a falar pouco nesta guía é a limpeza dos baños. Neste lugar cágase moi ben. Pasoume hai un tempo: estaba eu sentado lendo a prensa e chegoume un whatsapp dunha rapaza, preguntándome se era posible que estivese embarazada. Finalmente todo quedou nun susto, pero foi por iso polo que a pesar da deshora intestinal fixen caca neste bar. Teñen wifi, interesante por se tes que pillar un avión a Nova Zelandia cando che din que vas ser papá.