Hai unhas semanas  Viascón  estivo nos medios por unha batalla política sobre a reforma da  N-541 . Pero Viascón é coñecido por ser onde…

Casa Manolo

Viascón (Km. 81)

Hai unhas semanas Viascón estivo nos medios por unha batalla política sobre a reforma da N-541. Pero Viascón é coñecido por ser onde naceu o gaiteiro Ricardo Portela, igual que Soutelo é coñecido por ser de alí Avelino Cachafeiro.

Un bo punto a favor do bar é que hai barra libre de biscoitos, magdalenas e galletas, envoltas en cadanseu plastiquiño industrial, iso si. Amais pódese escoller entre o Diario, La Voz e o Faro; ou o Marca. No bar son do Celta, presumo ao ver na parede unha camisola celeste asinada polos xogadores.

O bar Manolo é punto habitual de xantares de cazadores e sendeiristas. Algún currante e algún viaxeiro, pero principalmente seareiros habituais, o que leva a bo humor entre a clientela e o camareiro. Hoxe chegou un home preguntando se habería sitio para xantar 15 persoas sobre as 2.

-Haber hai, pero non sei se vos vou poder sentar todos xuntos; primeiro son os obreiros que veñen todos os días.

Isto está moi ben, e así debería ser. Os sendeiristas e peregrinos viven o tempo con outro baremo, sen tanto apuro.