Ás 8:25 aínda está arrancando, pero ten a típica feitura do bar polivalente onde ao mediodía se toma o vermú de despois da misa, ás 4 da…

Bocatería-bar Don Carlos

Soutelo de Montes (Km. 54.9)

Ás 8:25 aínda está arrancando, pero ten a típica feitura do bar polivalente onde ao mediodía se toma o vermú de despois da misa, ás 4 da tarde os patróns botan un tute, ás 7 do serán as señoras toman un té, e ás 11 da noite a rapazada toma un bocata cuns cacharros. A esta hora co café poñen unha pasta industrial, grandota pero que sabe a pouco, nin chicha nin limoná.

De prensa, amais do Sport, está o Faro de Vigo. O Diario de Pontevedra tardou un pouco máis en chegar, estarían rematando de escribir o horóscopo. O día anterior estaba moi enfadado co Faro porque traduciran unha nota de prensa que mandei o xoves. Hoxe estou enfadado porque REPETIRON o horóscopo do día anterior. Non sei como non lles cae a cara de vergoña. O único potable do Faro son os artigos do Ferrín.

No bar -que á fin e ao cabo e do que viña falar- teñen posta TVE 24horas, o cal está ben para saber das noticias, se non fose porque a estas horas xa hai un ludópata facendo que a máquina comecartos meta un barullo improcedente.

Cando entrei no bar atendeume unha señora, pero cando fun pagar xa me atendeu un home -o seu home?-. Serán cousas da especialización nos postos de traballo, eu que sei.