N-541
Texto e fotos: Adrián Estévez Iglesias
Por cuestións laborais, entre setembro e novembro percorrín bastante a estrada N-541, que une Ourense e Pontevedra. Desde sempre preferín conducir por estradas nacionais antes ca por vías de alta capacidade. Gústame atravesar vilas e aldeas, adiantar tractores, saudar señoras con mandil e paraugas, ler carteis escritos a man, ver os restos de casas abandonadas.
Ao longo da estrada hai numerosos bares: lugares de socialización a nivel local, de parada para quen fai a ruta no camión, ou de aventura sociolóxica. Eu adoito parar neles para ler a prensa escrita, co ritual de remover o azucre devagar, probando un anaco de biscoito, unha galleta campurriana ou un churro. Mais nos bares podes tamén escoitar conversas sobre as festas parroquiais, ver letreiros sobre a concentración parcelaria ou saber con semanas de antelación que Lopetegui tiña os días contados. Xa que logo, propúxenme tomar o café cada día nun bar diferente desta estrada.
Desde a apertura da autovía A-52, a estrada N-541 ten pouco tráfico. Gústame esta vía particularmente por dous aspectos que conserva: os fitos quilométricos, e os antigos trazados, as vellas curvas agora evitadas polas variantes. Tomando a estrada desde Pontevedra, ten o habitual degradado de urbano a rural das saídas das cidades. As gasolineiras e concesionarios de coches con beirarrúas dan paso, logo dunha rotonda, ás casas unifamiliares. Tras atravesar as parroquias de Mourente e Bora, o percorrido vai paralelo ao río Lérez. Crúzase o concello de Cotobade polas parroquias de Tenorio, Viascón, San Xurxo de Sacos (a carón da carballeira) e Sacos. Despois pásase por Pedre e Vichocuntín e chégase a Cerdedo. En Folgoso déixase o río Lérez, e continúase cara a Vilapouca e Soutelo de Montes. Súbese o alto do Paraño, de 800 metros, xa a medio camiño entre as dúas cidades. Logo de baixalo pásase pola Almuzara e chégase ao Carballiño. Continúase por Dacón, no concello de Maside, e báixase por Punxín até Barbantes. Alí a estrada entronca coa N-120, que une Vigo e Ourense.
A distribución xeoográfica dos bares galegos, como non podía ser doutro xeito, correspóndese coa distribución demográfica. Procurei alternar bares dos núcleos urbanos (principalmente Cerdedo, Soutelo de Montes e O Carballiño) cos das pequenas aldeas máis rurais. É triste ir atravesando aldeas abandonadas e pensar nos bares, vendas, fondas, mesóns e paradas que foron pechando co paso do tempo. Nalgúns casos consérvanse topónimos con orixe nestes establecementos, deixando pegada. En relación coa distribución xeográfica, é ben curioso ver como funcionan os núcleos de influencia na prensa distribuída polos bares, pasando do Diario de Pontevedra a La Región de Ourense, con algún Faro de Vigo e numerosos La Voz de Galicia e Marca.